O xornal La Opinión publica hoxe un artigo sobre a canteira de científicos do IES María Casares.
Mes: Xaneiro 2018
Converxencias arte e ciencia
O xoves 18 de xaneiro membros do Club de Ciencia visitamos no Ágora en A Coruña: “Converxencias arte e ciencia”.
Durante a visita ensináronnos obras de arte realizadas a partires de ecuacións matemáticas cunha impresora 3D (Xa sabemos para que serven as matemáticas!). Explicáronnos o fundamento do cubismo a través das obras de Picasso e Juan Gris e puidemos comprobar como, este último, aplicaba rotacións e modificacións de escala nas súas obras.
Na exposición fixéronnos un percorrido pola arte e a súa relación coa ciencia a través do tempo: observamos a simplicidade xeométrica dos trisqueis, tetrasqueis e pentasqueis, a beleza dos fractais, algunhas das fórmulas matemáticas que se empregan en arquitectura (hipérboles e parábolas) e a xeometría que subxace nun balón de fútbol (icosaedro truncado) que é a do fullereno, unha variedade de carbono cristalino.
Nos obradoiros aprendemos a teselar tendo en conta un sinxelo truco: hai que conservar a área! Aprendemos a sinxeleza e utilidade dos arcos catenarios, o papel fundamental que desempeña a clave na súa estabilidade e comprobamos como a persistencia retiniana é o fundamento de moitas ilusións ópticas.
Unha vez máis, obxectivo cumprido! A experiencia resultou moi instrutiva, aprendemos cousas novas dun xeito diferente!
Voltamos cun reto familiar
Nunha conversa entre Xoán e Xosé sobre as súas familias, Xosé pregunta:
– Xoán, cantos anos teñen as túas 3 fillas?
– Pois mira, a multiplicación dos seus anos dá 36, e se os sumas dáche o número da casa na que ti vives – respondeu Xoán.
Despois duns intres de reflexión Xosé di:
– Oes, pero para sabelo fáltame un dato.
– Tes toda a razón – responde Xoán – olvidei decirche que a maior das 3 sabe tocar o piano.
Agora xa che toca a ti. Cal é a idade de cada unha das fillas de Xoan?