Podedes escoitar esta entrada a través dun lector de códigos QR.
Nunca vos preguntastes que cantidade de azucre tomamos cada día? Nós, as alumnas de “Investiga o que comes” do Club de Ciencia do IES María Casares: Natalia Padín, Lucía López, Ainhoa Ríos, Andrea Villar e Noa Blanco, xunto coas profesoras Silvia Méndez e María Temes decidimos investigar sobre este tema.
Antes de poñernos mans á obra constatamos que alimentación e saúde están moi relacionadas. O EPIC study (deseñado para investigar as relacións entre dieta, estado nutricional, estilo de vida e factores ambientais, e a incidencia de cancro e outras enfermidades crónicas) e o Predimed (Prevención con Dieta Mediterránea) dan fe disto.
Desde o Club de Ciencia queriamos poñer o noso gran de area, comprobando primeiro, e evidenciando despois, o papel do azucre como complemento case obrigado da meirande parte dos alimentos que inxerimos.
Para levar a cabo a nosa investigación fixéronnos falta os envases de diferentes alimentos, unha báscula, unha culler, azucre, un rotulador permanente, tesoiras, cinta de dobre cara e bolsas zip pequenas.
A forma de proceder foi a mesma cos diferentes alimentos: partindo da información nutricional que aparece nos envases, calculamos a cantidade de azucre contida nunha ración (4 galletas, unha lata de refresco, 30 g de cereais…). A continuación, coa axuda da báscula, collemos esas mesmas cantidades de azucre e metémolas nunhas bolsiñas zip nas que indicamos o nome dos alimentos e os gramos de azucre aos que correspondían.
Nalgúns produtos a información nutricional aparece só no envase que mercamos pero non nos envases individuais que contén; nestes casos tivemos que buscala.
Aínda que a cantidade de azucre varía moito duns produtos a outros, logo de encher as bolsiñas zip chegamos á conclusión de que, hoxe en día, a maioría dos alimentos que consumimos levan moito azucre, así que debemos controlar a nosa inxesta diaria.
Como se trataba de poder presentar esta información dun xeito atractivo, decidimos facer un panel xigante no que figurasen os resultados das nosas investigacións.
Utilizando un cartón de grandes dimensións dispuxemos nel os envases dos alimentos que analizamos (galletas, refrescos, bebidas enerxéticas, chocolate…) xunto coa información nutricional e a bolsiña zip co azucre que conteñen.
Ademais engadimos un letreiro escrito en braille ao carón de cada alimento para permitir que, tamén as persoas con discapacidade visual, sexan quen de entender o noso traballo.
Nesta última fase queremos agradecer a Natalia Beade Bouzas e a Beatriz Edreira Guerra a súa inestimable colaboración, elas encargáronse de supervisar a lexibilidade dos nosos letreiros escritos en braille.
E velaquí tedes o resultado do noso traballo! agardamos que vos resulte interesante.
Mentres tanto nós seguimos traballando nun novo panel de alternativas naturais.
Porque a vida non ten que deixar de ser doce!